Auditorio de Galicia
Compostela Cultura

Auditorio

O Auditorio de Galicia érguese como emblema moderno da cidade e constitúe un lugar polivalente que demostra as potencialidades da capital como espazo internacional para o encontro e a cultura. A súa versatilidade e funcionalidade, enmarcada nun contorno cómodo e accesible que convida ao paseo, foi proxectada polos arquitectos Julio Cano Lasso e Diego Cano Pintos.

Inaugurouse o 20 de outubro de 1989 coa vontade de consolidar a oferta cultural da capital de Galicia. Encadrado no Programa nacional de auditorios, a obra foi posible grazas á intervención institucional conxunta do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago. A eficaz colaboración entre administracións e un conxunto de institucións privadas facilitaron os medios económicos indispensables para facer do Auditorio de Galicia o centro por excelencia para a recepción das manifestacións culturais que xera a cidade a e así mesmo converteuse en punto de referencia obrigada para a cultura musical e artística de Galicia.

Dende 1996 é a sede permanente da Real Filharmonía de Galicia, dirixida dende a súa fundación polo mestre alemán Helmuth Rilling, co compostelán Maximino Zumalave como segundo director. Na tempada 2000/2001, a orquestra afronta unha nova andaina tendo á súa fronte ao mestre Antoni Ros Marbà. En xaneiro do 2013 pasa a ser director titular da Real Filharmonía de Galicia o británico Paul Daniel.

O Auditorio de Galicia está na Avenida do Burgo das Nacións, s/n, C.P.:15705, Santiago de Compostela. Está aberto todos os días do ano (agás o 25 de xullo, o 25 de decembro e o 1 de xaneiro) de 9.00 a 20.00h. (o horario de peche varía segundo a programación).

Consulta a OFICINA VIRTUAL do Auditorio de Galicia aquí

Consulta o PORTAL DE TRANSPARENCIA DA ACTIVIDADE PÚBLICA do Auditorio de Galicia aquí

Concellaría de Cultura.
Concello de Santiago de Compostela, 2005