|
O alcalde e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa, fixo pública a decisión de nomear ao británico Paul Daniel director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2013. Sucederá no posto ao mestre Antonio Ros Marbà, titular da Filharmonía dende o ano 2000. Paul Daniel está vinculado á orquestra galega como principal director convidado dende 2007. Ademais, Daniel asumirá a dirección da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, centro docente unido á Real Filharmonía. |
|
A Orquestra Sinfónica de Galicia dará o xoves 19, no Auditorio de Galicia un concerto dirixida por Víctor Pablo Perez. Interpretarán pezas de Fazil Say, Albert William Ketèlbey, Carls Nielsen e Camille Saint-Saëns e na primeira parte do concerto, onde poderemos escoitar o Concerto para violín e orquestra ‘1001 Noites no Harén’ de Say estarán acompañados pola violinista Patricia Kopatchinskaja. |
|
A Agrupación Musical Albéniz chega a Compostela este sábado, 14 de xaneiro, para dar un concerto no Auditorio de Galicia. Será na Sala Mozart a partir das 20.00h e a entrada é libre ata completar aforo. Dirixidos por Enrique Rodríguez Iglesias, interpretan un variado programa acompañados no escenario polo seu grupo de Voces Mixtas. O concerto, que conta coa colaboración do Concello de Santiago, está patrocinado pola Agadic e a Consellaría de Cultura e Educación da Xunta de Galicia. |
|
A Orquestra Nova Sinfónica de Galicia ofrece un concerto mañá, martes 10 de xaneiro, ás 21.00h. no Auditorio de Galicia. Dirixida por Diego García interpretará na primeira parte do concerto 'Déserts para ventos, percusión e banda magnética', de Edgard Varèse e na segunda parte a 'Sinfonía Nº 2' de Ludwig van Beethoven. A entrada ao concerto é de 3€ e os abonados poderán entrar de balde previa recollida dos convites na billeteira do Auditorio de Galicia que permanecerá aberta para a venta e recollida de entradas mañá martes de 12.30 a 14.00 e de 18.00 ata a hora do concerto. |
|
Os gañadores do IV Concurso de Composición que organiza a Federación galega de Bandas de Música Populares poderán escoitar mañá por primeira vez as súas obras interpretadas por unha banda. Será no Auditorio de Galicia a partir das 21.00h cando a Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música interpretará as obras finalistas e gañadoras baixo a batuta de Xosé Carlos Seráns. Algunhas destas obras serán as de obrigada interpretación no VI Certame Galego de Bandas que se celebrará a finais do ano que vén. |