Auditorio de Galicia
Compostela Cultura

Noticias

Jango Edwards na presentación de Formaclown

O Festiclown móllase na presentación do Formaclown

01/08/2006

Iván Prado, representando a organización promotora do Festiclown Coper@ctiva, e os clowns Jango Edwards e Peter Ercolano botáronse a nadar na lagoa do Auditorio de Galicia para simbolizar deste xeito que "o Festiclown móllase pola risa e nunca se sabe o que pode acontecer", en palabras do propio Iván Prado.

Ás 12:00 horas da mañá do martes 1 de agosto estaba prevista a rolda de prensa para presentar, no Auditorio de Galicia, o Formaclown, unha sección das máis reclamadas dentro do Festiclown e das que máis prestixio lle dan a este. Pero cinco minutos antes do comezo do evento o escenario deixou de ser o Auditorio para cederlle o protagonismo ao parque que o rodea.

Unha banda musical de clowns seguida por un axente das 'forzas da orde' deu o sinal para o comezo da presentación. Nela Peter Ercolano, Jango Edwards, Pablo Trasno, Sergio Claramunt e Pablo Pudnik, acompañados do concelleiro de Cultura, Néstor Rego e de Iván Prado foron os encargados de dar a coñecer con breves intervencións o contido de cadanseu obradoiro dentro do Formaclown deste ano.

A voz de Coper@ctiva, Prado, anunciou que o Festiclown deste ano se quere posicionar "contra a guerra" e quere tamén deixar moi claro que "como dixeron cando foi o do Prestige, non damos datos porque non temos datos, no Festiclown todo pode pasar". E secundando a súa primeira proclama falou Pablo Pudnik, encargado de impartir o Curso de Improvisación no Auditorio en horario de 16 a 20:00 horas ata o venres 4 de agosto. Sergio Claramunt, que imparte o seu curso no mesmo edificio dende as 10 ata as 14:00 horas, mencionou a importancia de preparar o clown para un espectáculo de hospital xa que "os pallasos de hospital son a mellor representación de como o clown loita por levar a felicidade e a saúde". E case no remate, Loco Brusca volveu de novo á oposición a calquera forma de belicismo e ás armas de guerra. O punto final da roda de prensa puxérono Jango Edwards e Peter Ercolano, encargados do Curso de Clown para Profesionais. Xunto a Iván Prado, os tres vestidos con bañador, aletas e gafas de buceo, non o dubidaron á hora de bañarse na lagoa do Auditorio de Galicia, coma se dun bautismo se tratase e os convidase a espallar por Compostela o "por que?" á Guerra, á relixión, etc.

Enlaces relacionados :


Volver

Concellaría de Cultura.
Concello de Santiago de Compostela, 2005