Auditorio de Galicia
Compostela Cultura

Noticias

Néstor Rego e Paulo Rodríguez

Preséntase 'Sons da Diversidade' 2008

17/01/2008

O Concelleiro de cultura, Néstor Rego, vén de presentar a edición de 2008 de 'Sons da Diversidade' que vai achegar no primeiro semestre do ano a Compostela ritmos procedentes de diversas tradicións musicais de todo o planeta. O certame vaise abrir o vindeiro 19 de xaneiro coa actuación da banda irlanesa 'Moving Hearts'.

Sons da Diversidade vai xa pola quinta edición e foi presentada por Néstor Rego como un "ciclo de músicas do mundo, representativa do imprescindíbel proceso de apertura cara ao resto do mundo que está a experimentar a cidade". A edición de 2008 pretende facer de escaparate do mellor que se está a facer na música contemporánea partindo da diversidade de culturas, países, linguas e estilos.

Asemade, Rego salientou que "este certame consolida a Compostela como a porta aberta de Galiza cara ás mellores producións do mundo. Sons da Diversidade serve tamén de punto de encontro de músicos internacionais coa da mellor música galega que, este ano, vai estar representada por Uxía.

Seis meses de diversidade musical
A quinta edición de Sons da Diversidade enceta o vindeiro 19 de xaneiro coa actuación da agrupación irlandesa Moving Hearts, que volve a xuntarse 25 anos despois da súa disolución. A partir de aquí, a razón dun concerto por mes, porderemos disfrutar das actuacións da cabaretista Ute Lemper; a cantante galega Uxía; o tropicalista brasileiro Tom Zé; a polifacética artista de vangarda Laurie Anderson; e o príncipe da música pop norteamericana Rufus Wainwright.

O responsábel do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, destacou que "a diversidade atopámola nos propios músicos e artistas, todos eles pouco encadrábeis nun país ou corrente musical concreta. Artistas que teñen creado unha xeografía propia a partir da combinación de soportes, ritmos e influencias culturais diversas".


Volver

Concellaría de Cultura.
Concello de Santiago de Compostela, 2005