|
Toumani Diabaté & Symmetric Orchestra, a próxima cita en Sons
10/04/2006
O mestre maliano da "kora", un instrumento semellante a un arpa de 21 cordas, chega a Compostela o venres 28 de abril. Poderemos velo no Auditorio ás nove da noite. É o terceiro concerto que acolle o ciclo Sons da Diversidade, despois da impresionante Ópera para pobres de Goran Bregovic e do concerto de Pablo Milanés.
O mestre da kora fai un estilo que define "Jazz-jugalbandi-griot". Membro activo e dinámico da comunidade musical de Malí, o virtuoso Toumani Diabaté viaxou por todo o mundo para dar a coñecer esta variante da arpa que pertence á tradición de África occidental, con 21 cordas. En Sons coñeceremos o novo disco, Boulevard de l'Indépendance.
Toumani Diabaté pertence á vangarda da nova xeración de griots que procuran a constante renovación da tradición. Logo dun tempo formando parte das bandas das máis importantes voces de Malí, Toumani Diabaté grava o seu primeiro disco en solitario no ano 1986, baixo o título de Kaira, o primeiro cunha kora como único instrumento. Aínda hoxe é un éxito de vendas. Despois virían as colaboracións co grupo Ketama e o inicio do seu traballo coa Symmetric Orchestra. Nos noventa, sintetizadores e caixas de ritmos chegan a Malí, pero Toumani prefire seguir renovando cunha perspectiva acústica.
A música de Toumani Diabaté ten unha expresividade que procede do poder da tradición griot de Malí, á que el incorpora novos territorios. Toumani fundou, construíu, financia e dirixe unha escola de música, a Mandinka Music Productions, que en Bamako acolle os mozos que queren aprender a tocar os instrumentos tradicionais e a bailar.
No ano 2003 recibiu o Tamani D´or, premio ao mellor kora do mundo, e, ao ano seguinte, o recoñecemento da Unesco. Actualmente é o director de Mandinka Kora Productions, que se encarga de promover eventos culturais. Comezou a traballar coa discográfica World Circuit en 2004, nun proxecto que é a edición dunha triloxía cuxa primeira parte leva por título In the Heart of the Moon, un álbum a dúo con Ali Farka Touré. En febreiro de 2006 sae á venda a segunda entrega do proxecto: o disco de Toumani Diabate & Symmetric Orchestra.
O prezo da entrada é de 15 €, 7,5 para persoas xubiladas ou estudantes. Pódense obter de tres xeitos:
- No Auditorio de Galicia, a véspera (12:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00) e media hora antes do concerto. O día do espectáculo a posto de venda pecha ás 21:00. Os teléfonos son 981 571 026 e 981 573 979
- Caixa Galicia (teléfono 902 43 44 43, ou a través da web)
- ... Ou participando no sorteo de 5 entradas! Poden obtelas de balde respostando a un cuestionario. O día 25 de abril remata o concurso.
|