Auditorio de Galicia
Compostela Cultura

Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia

En 1997-1998 iniciou as súas actividades a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia para impulsar un proxecto de formación de calidade no ámbito da música culta. A súa creación respondeu ao desexo de artellar un centro de formación musical vinculado á Real Filharmonía de Galicia. A Escola aspiraba así a investir o potencial de músicos de sona da orquestra na formación e perfeccionamento de futuros profesionais galegos, así como na organización de diferentes actividades de divulgación musical.

O equipo directivo da Escola de Altos Estudos Musicais, xestionada pola Consellaría de Cultura, a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), está encabezado polo director da Real Filharmonía de Galicia, Antoni Ros Marbà. A maior parte dos profesores, xunto cos que dispensan as clases de música de cámara, son igualmente membros da Real Filharmonía. Pero o centro conta, ademais, coa colaboración doutros recoñecidos profesionais da música que, en calidade de profesores convidados, comparten, en cada período lectivo, a súa experiencia cos alumnos en diferentes cursos e encontros.

O programa de formación musical da Escola inclúe a celebración de diferentes concertos públicos protagonizados polos alumnos, ben como intérpretes solistas, ben en conxuntos de cámara ou como membros da Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais. A consolidación da orquestra de alumnos é un dos retos do centro, a través do deseño dun programa de xiras e concertos baixo a batuta de recoñecidos directores.

O labor da Escola organízase a través da súa sección permanente e a súa sección de especialización.

A sección de especialización ten como obxectivo impartir formación concreta dirixida á especialización dos músicos que, cos estudos de conservatorio xa finalizados ou reunindo uns requisitos mínimos esixidos, teñan vocación de converterse en profesionais. Para acadar a graduación na Escola hai que superar dous cursos lectivos, prorrogables a tres excepcionalmente. Cada ano lectivo cursan estudos uns trinta alumnos.

Os estudantes asisten a clases individuais, de música de cámara, teóricas e prácticas orquestrais, ademais deben participar en diferentes encontros impartidos por mestres de recoñecido prestixio e realizar concertos públicos de alumnos como solistas, en formacións de cámara e da orquestra ao completo como unha actividade mais do programa formativo.

A sección de especialización ten por obxectivo prioritario complementar e actualizar os coñecementos musicais dos profesionais da música dos conservatorios, agrupacións corais, bandas de música e outras formacións musicais. Igualmente realízase un labor de promoción e difusión a prol dun maior coñecemento e comprensión musical. A dirección instrumental, composición e pedagoxía musical son algunhas das materias que constitúen a cerna dos seus cursos e xornadas.

Concellaría de Cultura.
Concello de Santiago de Compostela, 2005